O salón de actos do Marcos Valcárcel acolleu a entrega de diplomas aos alumnos que superaron o curso de "Formación en Prototipado con la Fabricación Digital", nun acto que contou coa presenza do deputado Jorge Pumar.
Esta iniciativa forma parte do proxecto "Emprende Makers", cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa INTERREG V A España – Portugal (POCTEP) 2014 - 2020.
A Deputación de Ourense, como organizadora da formación, ten impulsado unha serie de accións dirixidas a reforzar o coñecemento das posibilidades das TICs e as "tecnoloxías maker" tanto como instrumentos de xeración de solucións innovadoras e creativas, como de accións formativas específicas no campo do emprendemento, onde se lles ofreceu aos alumnos diversas ferramentas de traballo para a xestión empresarial -dirección estratéxica, xestión de persoas, marketing ou finanzas-, facendo tamén especial fincapé nas diferentes posibilidades e ferramentas de acceso á financiación, á internacionalización e aos mercados exteriores.
O curso tivo lugar entre os meses de febreiro e setembro deste ano, cunha duración de 125 horas, participando nel máis de medio centenar de alumnos de Galicia e o norte de Portugal. Como resultado do curso desenvolvéronse unha serie de ideas que cristalizaron en varios prototipos, sendo mostrados no acto algúns dos máis destacados.